A saga Donkey Kong Country estréase na Nintendo 3DS

venres, 24 de maio do 2013 Marcus Fernández

Un dos xogos máis agardados para a Nintendo 3DS chega hoxe ás tendas de videoxogos. Donkey Kong Country Returns 3D está xa á venda, permitindo levar á consola portátil o xogo que hai máis de 2 anos recuperou a saga de Donkey Kong Country na Wii, aínda que engadindo contidos e, especialmente, deixando elixir entre 2 modos de dificultade distintos, facendo o xogo máis accesible, posto que o nivel de esixencia deste tipo de xogo de plataformas tende a ser demasiado alto para o xogador medio. Coa dificultade orixinal os protagonistas terán 2 corazóns de vida cada un, mentres que no novo modo de dificultade terán 3 corazóns cada un e novos obxectos de axuda.
Esta aventura permítenos axudar a Donkey Kong e Diddy Kong a recuperar os plátanos roubados pola tribo Tiki Tak, para o que haberá que abrirse camiño na Illa de Donkey Kong, por incribles niveis entre os que figura un novo para 3DS (o mundo Nube) e adaptando os gráficos para unha boa visualización estereoscópica.
O xogo tamén conta con modo multixogador cooperativo e véndese tanto en formato físico como a través da eShop. Cómpre destacar que este xogo está incluído na promoción ¡Tantos juegos! coa que Nintendo premia a compra de 3 xogos dunha selección de 8 cun cuarto de balde.


Trailer de Donkey Kong Country Returns 3D

Donkey Kong Country Returns 3D conta con modo multixogador cooperativo

PUBLICIDADE