A saga de Devil May Cry renóvase (e outros anuncios de Capcom)

mércores, 15 de setembro do 2010 Marcus Fernández

O protagonista de Devil May Cry é máis escuro e brutal nesta revisión da saga

Nun evento previo ao inicio da feira de videoxogos Tokyo Game Show a xente de Capcom realizou unha serie de anuncios realmente relevantes, por afectar a coñecidas sagas e incluso dar a coñecer un título totalmente novo.
Sen dúbida, o grande anuncio do evento foi a confirmación do desenvolvemento dun novo Devil May Cry por parte dos británicos Ninja Theory, que será un título para PlayStation 3 e Xbox 360 que pese a estar nun estado prematuro de desenvolvemento (polo que aínda non ten data de lanzamento) sorprende porque non será unha secuela da coñecida saga senón un acertado reinicio da mesma, reinventando incluso ao seu protagonista, Dante, que será un personaxe moito máis escuro que a súa anterior encarnación (o que parecen querer ilustrar amosándoo fumando constantemente e cunha expresión máis dura e seria). O novo Devil May Cry conservará a mecánica de acción trepidante en terceira persoa, pero o sistema de combate verase modificado prometendo redefinir a franquía, aínda que o usuario non botará en falta as espadas e as pistolas coma armas coas que derrotar a diabólicos inimigos nun contorno interactivo chego de detalles e no que a liña que separa o ben do mal estará moi borrosa.
Como novidade absoluta, Capcom anunciou Asura’s Wrath, un xogo para Xbox 360 e PlayStation 3 desenvolvido co estudo xaponés CyberConnect2, e que amosará un mundo de ciencia ficción con pinceladas de mitoloxía asiática, polo que as comparacións deste título coa saga de God of War parecen inevitables.
A historia trata de Asura, deidade traizoada por outros deuses e despoxada dos seus poderes, que xura vinganza. O protagonista do xogo poderá invocar criaturas e loitar contra numerosos exércitos a través dunha especie de drama serializado no que distintas liñas argumentais fusionaranse nunha soa para conducir á resolución da trama. O seu desenvolvemento tamén está nunha fase moi inmadura.

Frank West acompañará a Chuck Greene no novo capítulo descargable que serve de precuela de Dead Rising 2

Para rematar a faena, confírmase que o protagonista de Dead Rising, Frank West, volverá na súa secuela coma daba a entender unha imaxe borrosa publicada hai unhas semanas, pero non será un simple cameo en Dead Rising 2, senón que estamos a falar dun capítulo descargable chamado Dead Rising 2: Case West, que amosará como Frank West únese a Chuck Greene nunha aventura de acción cooperativa exclusiva para Xbox 360 na que os protagonistas indagarán sobre as razóns do estoupido zombi en Fortune City á vez que dan detalles relacionados co incidente de Willamette.
Que o capítulo descargable para Xbox 360 Dead Rising 2: Case Zero superase as 500.000 copias en 2 semanas é unha razón clara para este novo episodio da saga que serve de precuela de Dead Rising 2. Aínda non hai unha data de lanzamento fixada para este DLC, pero o que si parece claro é que os usuarios de PlayStation 3 non poderán acceder inicialmente ao mesmo, polo que para gozar da historia completa é preciso contar coa consola de alta definición de Microsoft, que tamén foi na que naceu esta franquía que busca coller o relevo de Resident Evil.


Trailer de adianto do novo Devil May Cry


Asura’s Wrath promete ser un xogo de acción espectacular


Teaser de Dead Rising 2: Case West

PUBLICIDADE