A semana pasada vendéronse 400.000 Wii U nos EE.UU.

luns, 26 de novembro do 2012 Marcus Fernández

O vindeiro venres chega ás tendas españolas a nova consola doméstica de Nintendo, a Wii U, e para facernos unha idea das boas vendas que pode acadar pese á conxuntura económica actual dende EE.UU. veñen de dar conta de que venderon 400.000 unidades da mesma, o que supón o esgotamento de existencias nunha semana moi activa (lembremos a celebración do Black Friday) na que Nintendo vendeu un total de 1,2 millóns de consolas (contando a Wii orixinal e as súas portátiles). Nestas últimas sorprende ver que a Nintendo DS con 275.000 unidades vendidas continúa a superar á Nintendo 3DS (250.000 unidades), aínda que parece que estamos ante unha anécdota provocada polas grandes ofertas que afectaban ás vellas portátiles de Nintendo (deixándoas a prezos irrisorios). De feito, o presidente de Nintendo nos EE.UU., Reggie Fils-Aime asegura que a Nintendo 3DS está a ter unhas vendas mellores que a DS orixinal no seu lanzamento, superando os 6 millóns de unidades vendidas nos seus primeiros 21 meses (fronte aos 5 millóns da súa predecesora).
Dende Nintendo están a esforzarse para que a Wii U non teña os mesmos problemas de aprovisionamento que a Wii durante o seu lanzamento, o que parece que terán difícil, e poder facerse coa Wii U no período de Nadal vai ser complicado, e as súas edicións máis atractivas (como o lote que inclúe o xogo Zombi U e o mando Pro está a ser xa difícil de atopar incluso para a súa reserva).

PUBLICIDADE