A semana que vén Hitman GO chega ás consolas de Sony

luns, 15 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

A franquía de Hitman non está a volver só no seu xogo grande de consola, senón que tamén está a recuperar folgos o seu xogo de estratexia por turnos estreado inicialmente para dispositivos móbiles, e que agora chega tamén ás PlayStation, anunciándose que Hitman GO vai estrear o vindeiro 23 de febreiro a súa Definitive Edition en Steam e o 24 de febreiro na PlayStation Store, de xeito que poderá gozarse este entretido e intelixente xogo en PC, PlayStation 4 e PlayStation Vita.
Este xogo de estratexia por quendas ambientado no universo de Hitman, reinventado mediante figuras a xeito de dioramas con estética minimalista venderase a un prezo de 7,99 euros, incluíndo o título orixinal con todos os contidos que foron lanzando para o mesmo, de xeito que conta cun máis de 90 quebracabezas adicionais, garantindo así moitas horas de lecer.
A versión de PlayStation do xogo é Cross-Buy e Cross-Save, ou sexa, que cunha única compra poderá adquirirse para PS4 e PS Vita, podendo alternarse unha mesma partida entre ambas consolas, estando adaptado o seu control tanto ao mando DUALSHOCK 4 como ao panel táctil da PS Vita.

O xogo presenta unha aparencia de diorama moi rechamante

Tráiler da edición definitiva de Hitman GO

PUBLICIDADE