A serie de televisión Firefly terá un xogo para dispositivos móbiles dentro dun ano

xoves, 18 de xullo do 2013 Marcus Fernández

No marco da celebración da Comic-Con de San Diego anunciouse un xogo que pilla por sorpresa a moitos seareiros da ciencia ficción televisiva, pois trataríase de Firefly Online, un xogo de rol social baseado na serie de culto Firefly dirixida por Joss Whedon, que está actualmente en desenvolvemento para iOS e Android, aínda que non desbotan que chegue a máis plataformas máis adiante.
Firefly Online permitirá que os xogadores asuman o papel dun capitán de nave que debe recrutar unha tripulación e saír na busca de aventuras, mentres comercia e compite con outros xogadores que intentan sobrevivir facendo o mesmo: buscar unha tripulación, buscar un traballo e seguir voando.
O xogo permitirá formar unha tripulación e personalizar unha nave, xogar entre distintos dispositivos e gozar de funcionalidades sociais para conectar a seareiros de Firefly (coñecidos popularmente como browncoats). Está prevista a súa estrea para o verán de 2014, e no seu desenvolvemento están a colaborar QMXi e Spark Plug Games.
Unha grande nova para todos os seguidores da case mítica serie de televisión que non chegou a estrearse en España nin superar a súa primeira tempada (de feito, 3 dos seus 14 episodios estreáronse na súa edición en DVD), aínda que no noso territorio si puidemos ver a película que serviu para pechar a historia: Serenity.


Vídeo de presentación de Firefly Online

PUBLICIDADE