A sustentabilidade, a innovación e a igualdade foron os protagonistas os premios Pont-Up Store

luns, 26 de setembro do 2022 S. P.

No mediodía deste sábado 24 entregáronse no marco da feira Pont-Up Store de Pontevedra os premios ás mellores iniciativas empresariais desta edición. A proposta de Yowup conquistou ao xurado como mellor emprendemento e outras sete empresas foron recoñecidas dentro de cada sector. O evento reuniu e Pontevedra durante 2 días preto de 40 emprendementos e milleiros de asistentes que visitaron os stands na praza de España e participaron no extenso programa de actividades que se viñan desenvolvendo dende o pasado martes. A sustentabilidade, o liderado feminino, e as iniciativas nacidas no rural foron os eixes de actividade principais.

Premios

No mediodía do sábado entregáronse os premios ás mellores iniciativas empresariais desta 9ª edición do Encontro de Emprendemento Pont-Up Store. Como cada ano, o comité organizador foi o encargado de valorar e seleccionar as mellores iniciativas empresariais nas diferentes modalidades.
A empresa DairyPet, especializada en mascotas, conseguiu facerse co premio ao mellor emprendemento, e tamén co recoñecemento como mellor iniciativa no ámbito da alimentación e a restauración co seu lanzamento Yowup, un innovador iogur para gatos e cans que ofrece beneficios saudábeis con aporte de probióticos, e que foi un dos stands máis visitados nesta edición.
No apartado de turismo, ocio e benestar fíxose co premio a iniciativa Skeirrrum, unha empresa dedicada a crear experiencias de escape ao aire libre, co obxectivo de achegar aos mozos a contornas que non adoitan frecuentar utilizando como ferramenta un xogo e o seu smartphone.
Na categoría de enxeñarías, consultorías e outros servizos levou o premio Beniu Soluciones SL, que centra a súa actividade en atender as necesidades do noso rural, empregando técnicas de agricultura de precisión principalmente mediante drons.
Amais, 13 Graos, unha cooperativa sen fins de lucro foi recoñecida como proxecto destacado no ámbito da formación, a educación, a arte e a cultura, pola súa proposta para achegar á xente ao mundo submarino a través de ilustracións, audiovisuais, libros ou actividades.
Na modalidade das Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC), o xurado destacou a proposta de Digital Monster Collective, que produce videoxogos e ofrece servizos de outsourcing para outras empresas, facendo arte, animacións, deseño de UX/UI e advergame, entre outros.
En deseño de moda, complementos e decoración acadou o recoñecemento a marca de moda Iniqual, cunha colección de xénero non binario especializada en roupa de confort.
Amais, o xurado do talent show enxalzou a creatividade, a innovación, o impacto positivo e o potencial de crecemento das sete iniciativas que presentaron o venres 23 cadanseus modelos de negocio. De feito, entre as ideas achegadas polos expertos para a mellora destas empresas, houbo dúas propostas de colaboración que van ser exploradas nos próximos meses. Dunha parte, Skeirrum recibiu unha proposta do membro do xurado, Xoán Martínez Reboredo, CEO de Kaleido, Ideas & Logistics e presidente do Clúster da Función Loxística de Galicia, para crear experiencias de street scape en colaboración coa Fundación Mosteiros, coas que dar a coñecer o importante patrimonio destes enclaves.
Pola súa parte, outra das expertas do comité de ouvintes, Rosa María Seoane Domínguez, xerente de Abanca Innova, apuntou unha posíbel alianza coa cooperativa Alén para facer o mentorado en sustentabilidade ás empresas que participan neste programa que lidera os procesos de innovación do banco e coordina as súas liñas de emprendemento e aceleración.

Entidades organizadoras

A feira Pont-Up Store é unha iniciativa da UVigo e o Grupo G4 Plus, liderada polo Campus CREA de Pontevedra, e conta co apoio da Concellaría de Promoción Económica do Concello como patrocinador principal, e tamén co respaldo da Deputación de Pontevedra, Abanca, Zona Franca e R, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento pontevedrés e galego.
Nos labores de organización e coordinación, o encontro conta tamén coa participación da Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store.

PUBLICIDADE