A terceira parte dos usuarios de Wii U mercou o xogo Splatoon

martes, 2 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Nintendo vén de publicar os seus resultados económicos para o período comprendido entre abril e decembro de 2015, amosando que, pese aos malos resultados de vendas das súas consolas (que podemos considerar no seu fin de ciclo) no que a videoxogos se refire a cousa é ben distinta, e demostra que os seus títulos continúan a ser o motor do seu negocio, sorprendendo especialmente o feito de que Splatoon conseguise chegar aos 4,06 millóns de copias vendidas, o que é un logro impresionante se temo en conta que o parque de consolas Wii U é de só 12,6 millóns de unidades, de xeito que a terceira parte dos propietarios de tal consola terían adquirido este revolucionario xogo de acción que conseguiu adaptar a todos os públicos un xénero tradicionalmente para adultos. Os resultados de Super Mario Maker tampouco estarían nada mal, xa que conseguiría 3,34 millóns de unidades vendidas globalmente.
Sorprende ver como a Nintendo 3DS, consola que goza dunha posición de mercado moito mellor que a Wii U, non conseguise ter éxitos máis importantes que os da Wii U para a compañía nipoa, sendo o xogo de Nintendo máis vendido Animal Crossing: Happy Home Designer, do que colocaron 2,93 millóns de copias en todo o mundo.
O que si xogou un importante papel nos resultados de Nintendo é un novo negocio, o das figuras Amiibo, que conseguiron xerar uns ingresos de 42.400 millóns de iens (321,71 millóns de euros), demostrando ser un produto moi demandado e que incluso mellorou as súas vendas un 34% fronte ao ano anterior.
É de agardar que durante os vindeiros meses os resultados de Nintendo vaian a peor, xa que a compañía estaría a dirixir os seus esforzos a preparar a nova xeración de consolas coa súa nova NX, que presentarase este mesmo ano, e espérase que poida chegar ao mercado na campaña de Nadal (cando menos no Xapón).

PUBLICIDADE