As últimas actualizacións de Call of Duty e Warzone poden provocar problemas de espazo nas PS4 de 500 GB

xoves, 25 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

A capacidade de almacenamento que traen de serie as consolas de videoxogos considérase que habitualmente é dabondo para un usuario medio, pero teremos que reformular a cuestión atendendo ao último comunicado de Activision, que advirte de que as últimas tempadas de Call of Duty chegan mediante actualizacións de grande tamaño que requiren bastante capacidade de disco dispoñible para a súa descarga e instalación até o punto de que os usuarios que teñan unha PlayStation 4 cunha unidade de disco duro de 500 GB poden ter problemas para poder instalar todo, de aí que dean instrucións sobre como poder facer espazo para poder gozar de Modern Warfare/Warzonee Black Ops Cold War nas súas últimas versións.
A tempada 2 de Black Ops Cold War inclúe o modo zombies (Outbreak) e moitos outros contidos que supoñen un grande volume de datos a instalar nas consolas (entre 10,5 e 26,5 GB), e a última versión de Warzone tamén ten un peso considerable (entre 16,9 e 17,9 GB), pero a estas descargas hai que sumar todo o que ocupan os xogos instalados e coas distintas actualizacións que foron recibindo, de aí que poidan chegar a superar o espazo libre nunha consola con só 500 GB de disco duro.
Cómpre lembrar que para xogar a Black Ops Cold War non é imprescindible instalar Warzone (e viceversa), pero é indiscutible que ambos xogos apuntan ao mesmo perfil de usuario, polo que parece razoable pensar que quen xogue a un título tamén o faga ao outro, polo que esta información de Activision resulta moi preocupante, xa que saca a relucir o feito de que as capacidades que traen as consolas de videoxogos de fábrica poden ser insuficientes, especialmente nas consolas de nova xeración, polo que este problema vai agravarse nos vindeiros anos, e debería terse moi en conta no momento de mercar unha nova consola de videoxogos.

PUBLICIDADE