Á venda a segunda parte das edicións negra e branca de Pokémon

xoves, 11 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Os seareiros da saga de Pokémon poden respirar por fin tranquilos, pois hoxe rematou a súa espera e chegaron ás tendas os seus agardados Pokémon Edición Negra 2 e Pokémon Edición Blanca 2 para Nintendo DS (compatible coas consolas 3DS) que prometen converterse nos xogos para consolas portátiles máis vendidos do ano. Ambiéntanse 2 anos despois da entrega anterior, permitindo aos xogadores reencontrar a vellos amigos e facer outros novos na súa misión por derrotar aos líderes dos ximnasios rivais e atrapar a todos os Pokémon posibles. Tamén permiten crear películas protagonizadas polos Pokémon, conectarse con outros xogadores de novos xeitos e gozar dun novo argumento que ofrece así moitas horas de diversión.
Os xogadores que completen o xogo principal poderán gozar de contido adicional a través do Sistema Clave, que desbloquea os Dominios Definitivos de Telesia e ofrece detalladas opcións de personalización para os xogadores máis avanzados.
Os novos xogos de Pokémon tamén poderán completarse coa aplicación descargable Radar Pokémon, que permitirá aproveitar a cámara e os controis de movemento das consolas portátiles de Nintendo para atrapar Pokémon e transferilos aos xogos.

PUBLICIDADE