A versión de PC de Batman: Akham Asylum que circula pola Rede está incompleta

martes, 8 de setembro do 2009 Marcus Fernández

O xogo Batman: Arkham Asylum está a ser un dos títulos que máis vende para Xbox 360 e PlayStation 3, mentres que a versión para PC non sairá ata o vindeiro día 18, o que non impediu que circulasen copias piratas da mesma, pero que finalmente agochaban unha sorpresa para os seus usuarios, coma puido constatar un inconsciente que atreveuse a preguntar nos foros oficiais de Eidos por un fallo detectado (cando o xogo aínda non está á venda).
O usuario alcumado Cheshirec_the_cat comentou que nun momento no xogo no que hai que planear coa capa de Batman para evitar caer nunha habitación con gas velenoso a capa do personaxe non se abre, o que responderon rapidamente comentando que o problema soluciónase mercado o xogo. Aseguran que o fallo non está no código do xogo, senón no «código ético» das persoas que descargan este título da Internet en vez de adquirilo legalmente.
Por outra banda, veñen de atopar unha mensaxe no menú do xogo na que anuncian que dentro de 9 días (o 17 de setembro) estará dispoñible contido descargable de balde para o xogo, o que non detallan dende Rocksteady Studios, pero que podería tratarse de novas probas de desafío, para alongar a vida do xogo.

En 9 días poderiamos ter novo contido descargable para o xogo

PUBLICIDADE