A versión de PS3 do Super Street Fighter II Turbo HD Remix podería demorarse en Europa ata finais de febreiro

mércores, 28 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

A finais de novembro chegou ao Bazaz de Xbox LIVE o xogo Super Street Fighter II Turbo HD Remix, que en apenas 3 semanas superou as 250.000 copias, o que tendo en conta o seu prezo (14,40 euros) dá a entender que é moi rendible o desenvolvemento deste tipo de xogos descargables. Non esquezamos que o xogo vén a ser unha adaptación do clásico de recreativas Super Street Fighter II Turbo ao que actualizaron os gráficos para que se poida xogar satisfactoriamente nunha pantalla de alta definición, polo que o seu desenvolvemento é máis unha conversión que unha nova creación.
Pero a boa acollida deste xogo , que ten todas as bazas para converterse no xogo en descarga máis vendido da historia, ten certas sombras en Europa, a onde non chegou aínda para PlayStation 3 pese a que si está dispoñible nos EE.UU. e no Xapón.
O título de Capcom para a PS3 estaría a ser bloqueado pola división europea de Sony, que atopou problemas e fallos no xogo, e Leo Tan, representante de Capcom Reino Unido, asegurou que en menos de 3 semanas remitirán unha nova copia do Street Fighter II Turbo HD Remix para que sexa aprobada para a súa incorporación á PlayStation Network europea.
Tan asegura que dende Capcom entenden que «a demanda deste xogo é elevada» e asegura que están a traballar para «solucionar a situación o antes posible».

PUBLICIDADE