A viguesa SIVSA implanta Hosix en tres dos cinco mellores hospitais públicos de Marrocos

mércores, 15 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

A empresa galega SIVSA, centrada en servizos tecnolóxico-dixitais avanzados, comezou o ano dando un novo e importante paso en materia de internacionalización. Segundo informan fontes da compañía TIC de Vigo, esta foi quen de afianzar o seu liderado en Marrocos coa implantación do seu software de xestión hospitalaria Hosix en tres do cinco hospitais universitarios máis prestixiosos do sistema de saúde público do país, cunha cobertura de poboación potencial de até 12 millóns persoas.
Trátase dos centros hospitalarios universitarios (CHU) de Fez, Marrakech e Oujda, os dous primeiros, informa SIVSA, “situados entre os centros de maior calidade sanitaria e médica do norte do país”, e nos que SIVSA optimizou de maneira gradual (e ao longo do últimos dez anos) a xestión dos seus procesos.
“Os CHU”, engade a empresa galega, “ocupan o nivel máis alto na xerarquía hospitalaria de Marrocos, que se estrutura en hospitais universitarios, rexionais, provinciais, locais e centros de saúde, e dende os que só se atenden aqueles casos que, pola súa complexidade, non poden ser resoltos previamente nos niveis inferiores de atención e que poden provir, non só das súas áreas de influencia directa, senón de calquera das doce rexións nas que se divide o país”.
Ás historias clínicas e preto de 3.000 camas que SIVSA xestiona con Hosix nos CHU de Fez, Marrakech e Oujda, cómpre engadir as máis de 360 pertencentes ao hospital Sheikh Zaïd e as dos tres hospitais da súa fundación (hospital multidisciplinario de Khouribga, Youssoufia e Benguerir) nos que tamén se integrou a plataforma cos seus sistemas de información.
Hosix, lembra a firma viguesa, é unha solución composta por diferentes módulos asistenciais e administrativos que funcionan de maneira autónoma, pero “que permiten xestionar de forma global a información, os procesos e os fluxos de traballo das diferentes áreas hospitalarias”. Facilita a explotación dos datos, a comunicación e colaboración entre profesionais e organización e o acceso á historia clínica do paciente, axilizando a toma de decisións e optimizando, a eficiencia e a calidade de servizo prestado.

PUBLICIDADE