A vindeira edición de Pont-Up Store desenvolverase nun formato híbrido

venres, 7 de agosto do 2020 Redacción

Do 17 ao 19 de setembro Pontevedra volverá ser o referente do novo emprendemento cun programa que se desenvolverá en formato híbrido, combinando actividades en liña con presentacións ao vivo desde a carpa da Praza de España e outras localizacións da cidade. En total van participar nesta 7ª edición 44 startups galegas repartidas do seguinte xeito: 36 empresas con expositor, 10 empresas que desenvolverán actividades demostrativas na carpa, e 8 empresas que participarán no talent business Pont-Up Exprés.
Desde a organización, amosan grande satisfacción por estes resultados cuantitativos, así como polos datos que se desprenden ao analizar a procedencia dos emprendementos participantes. As novas empresas implantadas no rural continúan medrando e consolidando unha tendencia de emprendemento; a provincia de Pontevedra volve confirmarse como a área con máis pulo emprendedor; aínda que, con respecto a edicións anteriores, increméntanse as solicitudes procedentes do resto de Galicia e tamén os emprendementos radicados fóra de Galicia, o que confirma unha vez máis ao encontro Pont-Up Store como referencia do novo emprendemento no noroeste peninsular.
En canto aos ámbitos de emprendemento, o encontro volve rexistrar unha participación multisectorial con moita diversidade nas tipoloxías participantes e grande presenza de emprendementos innovadores e creativos, podendo destacar casos como o de Tappear Drinks & Tapas, unha aplicación móbil con información de interese sobre bares; Weet Energy & Telecom, a plataforma de dixitalización Xermye a consultoría de innovación I+ADN con interesantes patentes en fase de comercialización. Entre as que teñen só presenza con actividade destaca Koompany, que gravará un podcast en directo sobre marketing dixital e impartirá un obradoiro sobre a internacionalización dixital para emprendedores.
O encontro Pont-Up Store está liderado polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante estes seis anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra durante tres días na capital galega das mellores iniciativas empresariais.

PUBLICIDADE