ADICAE organiza unha sesión formativa sobre criptomoedas

luns, 9 de maio do 2022 Anxo Sesto

A Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros – ADICAE – organiza unha sesión formativo sobre criptomoedas o vindeiro mércores 11 de maio ás 18:30h. Á sesión poderase acudir de xeito presencial nas sedes de ADICAE de A Coruña e Vigo, ou inscribíndose para participar a través de vídeo-conferencia (Zoom).
ADICAE lembra que as criptomoedas e os activos dixitais están cada vez máis presentes no día a día, “mais a información que os consumidores reciben non é precisa nin instrutiva”. E engaden: “Na actualidade, arredor de catro millóns de españois invisten nalgún tipo de criptoactivo, sendo escasa a educación financeira da gran maioría. Un exemplo moi claro disto é que case un setenta por cento das persoas que apostaron polas cripotomoedas pensaban que era un produto supervisado pola CNMV (Comisión Nacional de Mercados de Valores). De feito, este órgano supervisor lanzou máis dun aviso recordando que un dos principais riscos nestes investimentos, precisamente, é que non están controladas nin reguladas por ningunha autoridade central, nin estatal, nin europea, nin a nivel mundial”.
O regulamento sobre criptomoedas vaise perfilando en medidas como a regulación da súa publicidade, tributación, posesión, etc. A Comisión Europea presentou en 2020 unha proposta lexislativa sobre criptomoedas e as autoridades anunciaron a súa intención de regular a materia, pero un gran número de consumidores seguen sen saber en que consisten, expoñéndose con isto a estafas, publicidade enganosa e máis riscos que estas supoñen para os pequenos inversores.

PUBLICIDADE