ADVENT anuncia o que podería ser o tablet de 7 polgadas máis rápido do mercado

mércores, 6 de novembro do 2013 Marcus Fernández

O fabricante británico ADVENT anunciou hoxe que vai pór á venda o seu novo tablet ADVENT Vega Tegra Note 7 o vindeiro día 15 a un prezo de 179,99 libras esterlinas (213,96 euros), que sería un dos tablets deste tamaño de maior potencia do mercado grazas a que funciona cun procesador nVIDIA Tegra 4 cunha gráfica GeForce de 72 núcleos e un procesador Cortex A15 de catro núcleos (apoiados por un quinto núcleo que funcionaría en solitario para tarefas básicas, incrementando así a autonomía do dispositivo).
O tablet ten entre as súas características as funcionalidades nVIDIA DirectStylus (que permite empregar lapis táctiles con grande precisión), nVIDIA PureAudio (que ofrece unha boa calidade de son a través dos seus altofalantes frontais estéreo); cámara traseira de 5 Mpíxeles con HDR e frontal de 2 Mpíxeles; a posibilidade de gozar de xogos exclusivos para procesadores Tegra; e presume dunha autonomía de máis de 10 horas reproducindo vídeo de alta definición.
Aínda que parece que estamos ante un tablet de prestacións notables, cómpre destacar que este dispositivo con Android 4.2.2 e 16 Gb de almacenamento interno non destaca especialmente pola súa cantidade de RAM (1 Gb) nin pola súa resolución de pantalla (1.280 x 800 píxeles), ámbitos nos que o Nexus 7 de Google o supera sobradamente pese a ter un prezo moi semellante (229 euros no seu modelo con 16 Gb de capacidade de almacenamento interno).

O novo tablet de ADVENT fai do seu procesador nVIDIA Tegra 4 o seu principal reclamo

PUBLICIDADE