APB Reloaded xa pode descargarse de balde en Xbox One

venres, 3 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Hai preto de ano e medio Deep Silver anunciou a súa intención de adaptar o seu xogo All Points Bulletin: Reloaded ás consolas de videoxogos de nova xeración, e finalmente hoxe vemos como xa está dispoñible para a súa descarga APB Reloaded para Xbox One, prevéndose o seu lanzamento para PlayStation 4 este mesmo mes.
O xogo pode descargarse completamente de balde, aínda que inclúe contidos de pagamento, e permite que o usuario decida se colocarse no bando da xustiza ou da anarquía na, azoutada polo crime, cidade de San Paro. Deste xeito podemos ser un xusticeiro autorizado ou un cruel delincuente, de xeito que tiroteos, persecucións en automóbil, roubos e vandalismo serán o día a día neste contorno de violencia no que a personalización de personaxes e o seu equipamento serán un dos piares deste xogo que tivo que optar hai anos por reformularse, xa que saíra inicialmente á venda para PC como xogo de pagamento, pero tivo que mudar á fórmula do free-to-play para manter a súa viabilidade, o que parece todo un acerto ao ver que xa leva seis anos en activo, algo que moito poucos xogos en liña poden dicir.

En APB Reloaded podemos adoptar tanto o rol de xusticeiro como o de delincuente
O xogo ten un elevado nivel de personalización dos seus personaxes

PUBLICIDADE