APD e Linkmyjob.com dan forma a un portal de emprego para directivos

xoves, 2 de xaneiro do 2014 Redacción

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD) vén de asinar un acordo de colaboración con Linkmyjob.com, plataforma española centrada na xestión da mercadotecnia persoal e o autoemprego. O froito desta colaboración é un servizo colaborativo para directivos, cun enfoque internacional e poñendo en contacto empresas, candidatos, investidores e emprendedores. O obxectivo, sinalan os responsábeis deste novo servizo, é a formación e o pulo a iniciativas emprendedoras e innovadoras.
A plataforma está dirixida a candidatos, profesionais e empresas onde se ofrecen servizos de procura de emprego, asesoramento e cesión de ferramentas de negocio e mercadotecnia persoal que faciliten estas tarefas.
APD e Linkmyjob.com coinciden coa posta a punto deste proxecto conxunto na importancia que están a acadar as alianzas e as novas tecnoloxías nunha época como a actual, “na que é imprescindíbel saír das contornas tradicionais na procura de emprego para formar parte dun ecosistema de colaboración no que as persoas en situación de desemprego poidan trasladar todo o seu potencial e darse a coñecer por centos de empresas tanto nacionais como noutros países”. Para APD e Linkmyjob, a clave do seu servizo está nas pontes que establecen entre candidatos e empresas, entre emprendedores e investidores, unindo as súas necesidades. Actualmente, APD conta con 2.600 empresas asociadas de todos os sectores e perfís.

PUBLICIDADE