ARCHOS anuncia unha tableta orientada aos xogos de mesa

venres, 22 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Dende ARCHOS sorprenderan en 2012 coa súa tableta ARNOVA FamilyPad, que cun tamaño de 13,3 polgadas buscaba converterse nun dispositivo de uso familiar, e aínda que ese produto non conseguiu grande visibilidade, agora recuncan coa ARCHOS Play Tab, unha tableta cunha pantalla Full HD de 21,5 polgadas que quere convertese nun taboleiro de xogos para usar en grupo, de xeito que sexa un produto máis social que as tabletas de pequeno tamaño, aínda que para ter este produto teremos que agardar até a volta ao cole (ou sexa, a finais do verán), cando sairá á venda a un prezo de 249 euros.

A ARCHOS Play Tab chegará cun procesador de 8 núcleos, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento, a mencionada pantalla de 21,5 polgadas cun cristal de 6 milímetros lamiado e temperado para resistir golpes e salpicaduras, batería de 5.000 mAh e Android 9 con acceso á tenda de aplicacións de Google. Con este hardware, que resultaría sumamente incómodo para un uso persoal, temos unha configuración axeitada para empregalo pousado sobre a mesa a xeito de taboleiro de xogo para poder gozar de versións electrónicas de xogos de mesa como Carcassonne, Gloomheaven, Monopoly, Pandemic, Scrabble, Colonos de Catan, The Room, UNO e moitos outros, existindo centos de títulos para Android que poderían gozarse comodamente en veladas de xogos de mesa, sen ter que ter unha grande colección de xogos en formato físicos (e o conseguinte espazo que ocupan).

A pantalla de 21,5 polgadas fai que a tableta sexa ideal para o seu uso sobre a mesa como taboleiro de xogo

PUBLICIDADE