ARCHOS levará Android 4.1 aos televisores cun completo accesorio

xoves, 3 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

O fabricante francés de produtos de electrónica de consumo ARCHOS atopou un sendeiro que seguir para facerse cun bo anaco do mercado grazas aos tablets con Android, e agora quere levar a experiencia aos televisores co seu novo ARCHOS TV connect, solución que permite controlar o televisor coma se fose un tablet, gozando de xogos, reproducindo vídeos e conversando cos amigos grazas ás posibilidades de Android 4.1.

O completo mando incluído facilitará dende a entrada de texto ata a simulación de xestos táctiles

Este produto sairá á venda en febreiro por 129,99 dólares e está composto por dúas partes: un receptor que se coloca na parte superior da pantalla do televisor ao que se conecta por HDMI (e que inclúe cámara de alta definición para videoconferencia, porto USB, Ethernet, Wi-Fi e lector de tarxetas microSD) e un completo mando a distancia que inclúe teclado QWERTY, controis propios dun gamepad e sensor de movemento (de xeito que mover o mando sería como desprazar o dedo pola pantalla dun tablet). Os seus sticks analóxicos permiten tamén simular xestos táctiles con 2 dedos (como facer zoom).
Este sistema con Android está baseado nun procesador multi-núcleo a 1,5 GHz, 1 Gb de RAM e 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb, polo que é unha opción bastante potente para facer dun televisor de alta definición ordinario nun Smart TV, con facilidades para correr aplicacións e xogos e reproducir contidos multimedia, que incluso incorpora un LED para alertar cando recibamos unha chamada a través dalgunha aplicación de mensaxería instantánea e esteamos vendo a televisión.


Vídeo de presentación do ARCHOS TV connect

PUBLICIDADE