ARCHOS porá á venda a finais de mes o seu novo tablet para xogar

mércores, 9 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Tras unha filtración nunha páxina web de Hong Kong, finalmente confírmase que ARCHOS vai pór á venda a finais deste mesmo mes a un prezo de 179,99 euros o seu novo tablet GamePad2, que combina unha pantalla IPS de 7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles con controis físicos para facilitar o uso de videoxogos e emuladores dende este dispositivo con Android 4.2.
A revisión do popular ARCHOS GamePad mellora a súa resolución de pantalla, os seus controis, a autonomía e o procesador, e para poder probar o seu bo rendemento inclúe as versións completas dos xogos Asphalt 8: Airborne e Modern Combat 4: Zero Hour, que aproveitan os controis físicos deste atractivo produto.
O ARCHOS GamePad2 funciona cun procesador A9 de catro núcleos a 1,6 GHz e 2 Gb de RAM, polo que debería correr sen problema todos os xogos para Android actuais, e no caso de quere gozar de títulos que fagan uso de controis virtuais, estes poden mapearse a través dunha ferramenta de software incluída no GamePad2, ou sexa, que poden substituírse os toques na pantalla por botóns e mandos, conseguindo unha experiencia de xogo máis precisa (por ter o usuario unha resposta táctil do que está a facer).
O novo tablet venderase en versións con 8 e 16 Gb de almacenamento interno, ampliable mediante tarxetas de memoria microSD de ata 64 Gb. Tamén é posible conectalo ao televisor por HDMI (o cable non virá incluído) e incluso aproveitarse para a realización de videoconferencias graza a que inclúe unha cámara frontal.


O ARCHOS GamePad2 comercializarase cos versións completas de 2 xogos de Gameloft precargados

PUBLICIDADE