ASGECO advirte aos consumidores sobre os compromisos de permanencia en telefonía móbil

martes, 22 de novembro do 2011 Raquel Noya

Os compromisos de permanencia son unha práctica habitual nos contratos que se dan entre as operadoras de telefonía móbil e os seus clientes como garantía pola entrega de terminais subvencionados, de maneira que evitan que os clientes se aproveiten do prezo promocional do teléfono, e se dean de baixa logo de ter adquirido un terminal de última xeración.
Porén detrás desta práctica, aparentemente legal, hai certas trampas das que nos vén de avisar ASGECO Confederación, a Asociación Xeral de Consumidores, que advirte aos consumidores sobre os compromisos de permanencia en telefonía móbil.
Segundo afirman, existen dous tipos de permanencia “que poden ter prazos distintos”. En primeiro lugar está a que pesa sobre o terminal adquirido, que compromete ao consumidor a non dar de baixa a liña nun período de tempo determinado, e a pagar unha sanción proporcional ao tempo que reste para rematar o contrato, no caso de ser cesado.
En segundo lugar atópase a permanencia sobre a tarifa, mediante a cal o consumidor comprométese a non modificar a súa tarifa a unha inferior durante un prazo de tempo determinado, da que o cliente non soe ser tan consciente como da primeira.
Ao non cumprir co compromiso de permanencia, o consumidor pode ser penalizado nas condicións previstas no seu contrato, e neste caso, en lugar de prorratear o importe da multa entre os meses de permanencia restantes para cumprila, “as operadoras soen facelo por periodos de seis meses”, indican dende ASGECO, “o que quere dicir que ao consumidor vanlle cobrar o mesmo faltándolle un mes ou seis”, afirman.
Dende a Asociación de Consumidores consideran “abusiva” dita cláusula e instan ás empresas a “rectificar e prorratear por mes”.
Á espera da resposta por parte das operadoras, esta entidade aconsella aos consumidores que antes de adquirir un terminal con permanencia estuden o custe total do seu compromiso (multiplicando a tarifa escollida polos 18 ou 24 meses de permanencia) posto que ó final pode resultar máis rendible pagar por un terminal libre e adquirir unha tarifa superior que coller a “suposta” ganga ofrecida pola compañía.
Unha vez cumprida a permanencia, ou de ser o caso, pagada a multa por non respectala, ASGECO Confederación considera que “o terminal é propiedade do consumidor” e xa que logo, “este pode pedir á súa compañía que o libere para usalo con calquera outro operador”; neste senso, a Asociación entende que “esta liberación debe ser de balde” e denuncia ás compañías que cobran por elo en concepto de gastos de xestión.

PUBLICIDADE