Aberto até o día 30 o prazo de inscrición para as Aulas Tecnópole e para STEAM Kids Tecnópole

venres, 3 de setembro do 2021 S. P.

O Parque Tecnolóxico de Galicia (a Tecnópole de San Cibrao das Viñas) ten aberto a través da súa páxina web, www.tecnopole.gal, o prazo de inscrición para as súas aulas tecnolóxico-científicas dirixidas á mocidade e máis para o programa STEAM Kids Tecnópole, os cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes de 8 a 18 anos. A matrícula poderá realizarse ata o 30 de setembro.
Segundo informa a dirección do parque, fíxose un esforzo especial este curso para “reinventar” tanto as Aulas Tecnópole como as actividades de STEAM Kids Tecnópole, aliñando estas actividades cos Obxectivos da Axenda 2030 das Nacións Unidas e, polo tanto, incorporando propostas para favorecer a dixitalización e a sustentabilidade. “Esta renovación de contidos está a ter moi boa aceptación entre os escolares, tal como se reflicte no avance das inscricións”, sinalou a Tecnópole.
STEAM Kids Tecnópole para escolares de 8 a 11 anos
STEAM Kids Tecnópole busca ofrecer aos máis novos, por sétimo ano consecutivo, “unha aproximación innovadora ao mundo da ciencia e a tecnoloxía, a enxeñería, a arte e as matemáticas desde unha óptica artística e creativa”. Diríxese a escolares de entre 8 e 11 anos, cun límite de 25 asistentes.
O programa consta dun conxunto de actividades que xiran arredor de distintos eidos de coñecemento e que requiren do uso de todo tipo de habilidades, “tal como sucede na vida real”, explica a Tecnópole, engadindo que as e os participantes levarán a cabo pequenas investigacións, construirán robots programábeis, terán a oportunidade de voar drons, deseñarán instalacións artísticas de base tecnolóxica e superarán diversos retos interdisciplinares, entre outras experiencias. Ademais, están planificadas un gran número de actividades medioambientais, que irán desde a investigación nun pequeno horto ata a recollida de datos meteorolóxicos para a súa posterior análise.
Estas sesións celebraranse os mércores de 18:10 a 19:40 horas durante os meses de outubro de 2021 a maio de 2022. A cota mensual é de 50 €, que inclúe o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense.
Aulas Tecnópole para rapaces de 12 a 18 anos
As Aulas Tecnópole, que este ano alcanzan a súa duodécima edición, están pensadas para “espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre o alumnado de 12 a 18 anos”. As prazas están limitadas a 40 asistentes. A cota mensual é de 15 €, que inclúe o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense.
Os estudantes, procedentes de centros de toda a provincia de Ourense, trasládanse unha tarde por semana a Tecnópole, os xoves de 17:00 a 19:00 horas, durante os meses de outubro de 2021 a maio de 2022. Unha vez alí dispoñen das instalacións e recursos do Parque Tecnolóxico de Galicia para levar a cabo os seus proxectos, axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características.
Os estudantes, todos eles de Secundaria e Bacharelato, reciben formación “sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto”, explicou a Tecnópole, engadindo que “os seus ámbitos de traballo abranguen todas as áreas do coñecemento, desde as novas tecnoloxías e a informática ata as ciencias ou as humanidades”.
Como principal novidade desta edición, o alumnado participará no concurso de deseño de microsatélites escolares CANSAT. Ademais, aumentaranse as propostas orientadas ao desenvolvemento de aplicacións móbiles con finalidades sociais. Así mesmo, incorporaranse actividades medioambientais e de monitoraxe do medio que permitan conectar os coñecementos tecnolóxicos coa posta en valor do medio ambiente e a importancia da sustentabilidade.

PUBLICIDADE