Ábrese o proceso de reservas da videoconsola PISTON
luns, 11 de marzo do 2013
- PISTON destaca polo seu reducido formato
O éxito de Steam como plataforma de videoxogos para PC está
a espertar moitos rumores sobre o posible lanzamento da Steambox, que sería unha
especie ordenador de tamaño reducido deseñado para facer de consola de
videoxogos, e a compañía que sería elixida para desenvolver tal produto a Xi3
Corporation, que vén de anunciar a apertura
do proceso de reservas de PISTON, equipo que parece ser o primeiro en
adaptarse ao que buscan dende Valve para a súa Steambox.
A consola PISTON funcionaría cun
procesador de catro núcleos a 3,2 GHz, 8 Gb de RAM e unidade SSD de 128 Gb (con
opcións de ampliación a 256 ou 512 Gb) e durante o seu proceso de reserva véndese
a 899,99 dólares (690,52 euros), ou sexa, uns 100 dólares menos que o prezo
previsto cando o produto chegue ás tendas, o que non parece un prezo
precisamente asumible, pero que responde á innovación deste produto modular de
tamaño reducido que é capaz de correr os últimos videoxogos para PC de xeito
satisfactorio cun nivel gráfico moi superior á actual xeración de consolas de
videoxogos.
Resulta evidente que a consola PISTON non competirá en prezo coa PlayStation 4
ou a futura Xbox, pero será unha opción para os que queiran casar o mellor do
xogo para PC co formato compacto das consolas de videoxogos, aínda que
posiblemente un dos seus principais problemas será que non chegará ao mercado
ata finais de ano.
Vídeo de presentación da PISTON de Xi3 Corporation