Acer lanza novos monitores compatibles coa tecnoloxía nVIDIA 3D Vision

xoves, 14 de abril do 2011 Marcus Fernández

Acer continúa a apostar polas pantallas 3D con lentes para equipos informáticos, de aí que veña de lanzar novos monitores deste tipo. Falamos concretamente do HN274H e do HS244HQ, que chegan en tamaños de 27 e 23,6 polgadas e prezos de 689 e 449 dólares respectivamente (475,41 e 309,81 euros), o que parece bastante axustado se temos en conta que inclúen os lentes activos necesarios para percibir as imaxes estereoscópicas.
O Acer HN274H ten un contrate dinámico de 100.000.000:1 e, aparte dos correspondentes lentes nVIDIA 3D, tamén integra un emisor de infravermellos (simplificando o escritorio informático ao non precisar dun emisor externo) e conta con 1 entrada DVI-D, 1 VGA e 3 HDMI 3D. Acepta os sinais 3D tanto por HDMI como por DVI-D.
O Acer HS244HQ é un monitor moi semellante, pero cun tamaño menor (23,6 polgadas) e unha única entrada HDMI.
Ambas pantallas teñen unha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles e relación de aspecto 16:9, de xeito que son atinadas tanto para o seu uso en ordenadores como para consolas de videoxogos ou películas e series de televisión.

PUBLICIDADE