Acer presenta dos novos portátiles económicos orientados á nube

martes, 4 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Varios fabricantes de ordenadores lanzaron equipos económicos orientados á nube aproveitando o Chrome OS de Google, pero agora que xa está na rúa Windows 10 queren repetir a xogada co sistema operativo de Microsoft, e así temos como Acer presenta os seus novos portátiles Aspire One Cloudbook 11 e 14, que son portátiles con procesador Intel Celeron, 2 GB de RAM, pantalla cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles e conectividade Wi-Fi AC, que grazas a Office 365 (inclúe un ano de subscrición) e OneDrive poden empregarse para a produtividade persoal con só sacalos da caixa e conectalos á Internet.
Estes equipos están pensados para un uso en mobilidade, xa que teñen un grosor de só 17,9 milímetros, pesan entre 1,15 e 1,6 quilogramos e presentan unha boa conectividade (HDMI, USB 3.0, USB 2.0 e lector de tarxetas SD) para non ter que precisar adaptadores adicionais para o seu uso.
O Aspire One Cloudbook 11 estará dispoñible en setembro en capacidades de 16 e 32 GB a un prezo que parte dos 269 euros, mentres que o Aspire One Cloudbook 14 chegará en configuración de 32 e 64 GB con prezos que parte dos 299 euros, indicando o número de modelo o tamaño en polgadas das súas pantallas. Por desgraza estamos ante equipos portátiles que serían moi atractivos polo seu prezo, o que non será así no nos territorio, xa que o prezo europeo dista moito do que terán nos EE.UU. a partires deste mesmo mes, cando o modelo máis básico destes novos portátiles sairá á venda por 169 dólares (154,26 euros).

PUBLICIDADE