Acordada a asignación de 10,7 millóns de euros de fondos europeos para a modernización da nosa Xustiza

venres, 27 de maio do 2022 S. P.

O Goberno central aprobou este venres 27 de maio as asignacións ás Comunidades dos fondos para a modernización da Xustiza ao abeiro dos Next Generation, fondos europeos dos que se destinarán a Galicia 10,7 millóns de euros. Da cantidade que recibirá a nosa terra neste ámbito, destacan os 4,6 millóns de euros que van destinados á aplicación do Proxecto Cero para mellorar a interoperabilidade dos elementos dixitais comúns. En concreto, investiranse en melloras da infraestrutura tecnolóxica e na posta en marcha de proxectos de ciberseguridade e de textualización para transcribir a texto actuacións gravadas en audio.
Ademais, a través do Proxecto 6 de inmediación dixital investiranse máis de 1,2 millóns de euros co obxectivo de levar a cabo iniciativas autonómicas, que no caso de Galicia inclúen avances na gravación de actos procesuais, servizos dixitais para a atención á cidadanía e automatización das solucións dixitais prestadas pola Administración de Xustiza, así como ferramentas de xestión do persoal empregado público.
Outros 3,4 millóns de euros tamén se investirán na posta en marcha de sistemas de xestión procesal que sexan interoperábeis no ámbito xudicial e con outros colectivos que se relacionen coa Administración de Xustiza, e entre outras partidas, tamén haberá fondos para a creación dun espazo co que xerar e intercambiar información e datos.
A Xunta continúa tamén a avanzar e consolidar a modernización e dixitalización da Xustiza galega a través do Plan Senda 21-25. De feito, este ano rematará a dixitalización de tódalas salas de vistas coa implantación de sistemas de vídeo-conferencia en todos os xulgados galegos, que permitirán un funcionamento integramente dixital.

PUBLICIDADE