Activision Blizzard funda o seu propio estudio de cine e televisión

venres, 6 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Estes días está a celebrarse a BlizzCon no Anaheim Convention Center, e este escenario está a aproveitarse para grandes anuncios de Activision Blizzard como a estrea do tráiler cinematográfico da película Warcraft: El Origen, na que trasladan o universo de Warcraft á grande pantalla da man de Legendary Pictures e Universal Pictures. Este filme que se estreará en xuño de 2016 contará a historia do reino de Azeroth a piques de entrar nunha guerra para enfrontarse a un exército de orcos invasores, aínda que a tópica historia non é o máis relevante nesta ocasión, senón a incógnita sobre se estaremos ante unha boa adaptación dun videoxogo ao cine, o que aconteceu en contadas ocasións, o que ten especial interese agora que parece que Activision Blizzard quere seguir os pasos da Marvel á hora de controlar o seu destino na grande pantalla, xa que a compañía anunciou que vai fundar o seu propio estudio de cine e televisión.
Ao parecer, Activision Blizzard quere controlar mellor os produtos derivados dos seus personaxes, e para comezar lanzarían unha serie de televisión de Skylanders, a popular franquía que mestura videoxogos con xoguetes coleccionables que foi toda unha revolución (actualmente imitada por Disney e LEGO).
Dado que a empresa conta con numerosas marcas que aínda non foron explotadas en cine e televisión, o novo estudio tería moitas posibilidades de futuro, aproveitando así grandes marcas como Starcraft, HearthStone ou mesmo Call of Duty, transcendendo así os videoxogos e converténdoas en produtos máis completos e mellor explotados comercialmente.

Tráiler de Warcraft: El Origen

PUBLICIDADE