Activision di adeus a Guitar Hero

xoves, 10 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Imaxe do futuro <em>Guitar Hero: Warriors of Rock</em>Activision Blizzard anunciou os seus resultados financeiros correspondentes ao último trimestre de 2010, quedando claro que o éxito de grandes títulos coma World of Warcraft: Cataclysm e Call of Duty: Black Ops supuxeron que a compañía rematase o período cun incremento interanual dos seus beneficios netos ata chegar aos 4.450 millóns de dólares, pero esa só foi a cara positiva dos resultados, pois a análise dos seus investimentos levounos a decidir disolver a unidade de negocio de Guitar Hero, de xeito que durante 2011 non teremos entrega desta popular saga musical (así coma do título irmán DJ Hero), o que non é a única franquía que abandona Activision, pois tamén cancelan o xogo True Crime: Hong Kong (aínda non manifestaron se a franquía desaparecerá definitivamente, aínda que parece evidente que non volverá a curto prazo) e parece que tamén fan o mesmo cos xogos de Tony Hawk (que fracasaron estrepitosamente nas súas últimas entregas).
Activision xustifica o cese de Guitar Hero na caída de vendas dos xogos musicais, aínda que non parecen reflexionar no feito de que a saturación de títulos do xénero tamén é culpa deles, xa que pasaron de lanzar de 1 a 2 xogos deste tipo ao ano a invadir as tendas en 2009 con Guitar Hero 5, Guitar Hero: Metallica, Guitar Hero: Van Hallen, Guitar Hero Smash Hits, Band Hero e DJ Hero, o que tivo coma consecuencia directa unha redución de ingresos por título, polo que a morte desta franquía parece máis unha reacción miope que unha boa análise do sector, pois quedan moitos seareiros deste tipo de títulos, que terán agora que limitarse á franquía de Rock Band (obra da mesma xente que creou Guitar Hero) que parece ser a única capaz de acadar un nivel aceptable, posto que o resto de xogos musicais con instrumentos son tecnicamente moi inferiores, aínda que tamén teñen problemas para manterse no mercado.
Nun principio parece que a franquía de Guitar Hero desaparece definitivamente, aínda que podería recuperarse dentro duns anos, o que sería unha operación realmente complexa, pois precisaría dunha renegociación da explotación dos temas musicais dos xogos.

PUBLICIDADE