Actualizan a Xbox 360

xoves, 2 de novembro do 2006 Marcus Fernández

A Xbox 360 acaba de actualizar o seu software, de xeito que integra novas funcións que moitos dos seus usuarios agradecerán (posto que chegan de balde). Así, destacan o feito de que o seu modo de vídeo de 1.080 liñas de alta definición en modo entrelazado poda evolucionar a modo progresivo para as conexións VGA e por compoñentes, mentres que incorporan o soporte para a conexión do reprodutor HD DVD externo para a consola.
Ademais, co gallo da saída do Windows Media Player 11, a nova actualización da Xbox 360 permite achegar streams de vídeo dende o ordenador, así como tamén pode reproducir películas dende unidades USB e discos (CD e DVD).
Algúns periféricos que tamén se poden conectar agora á Xbox 360 son os auriculares sen fíos ou o volante, así como o propio reprodutor multimedia de Microsoft, o Zune, que poderá transmitir os seus contidos de música, imaxes e vídeo á Xbox 360.
A nova actualización tamén leva consigo melloras no servizo Xbox Live Arcade (que perfecciona a súa interface), no seu reprodutor de DVD (que corrixe cartos problemas e incrementa as súas opcións), no se reprodutor de vídeo e en moitas outras características que afectan ó seu uso con distintos periféricos (no que corresponde ás típicas correccións e postas ó día da consola).
Sen dúbida, unha serie de melloras que dan moito ós usuarios que nun principio só agardaban detalles no tocante á reprodución de contidos en alta definición, e se atopan cunha mellora bastante importante da súa consola.

PUBLICIDADE