Adeus á Nintendo Classic Mini

mércores, 19 de abril do 2017 Marcus Fernández

En novembro chegou ás tendas a consola Nintendo Classic Mini, unha versión en miniatura de toda unha icona do mundo dos videoxogos, provocando todo un fenómeno de masas a nivel internacional, de xeito que durante meses foi un dispositivo moi perseguido xa que a súa produción estaba moi por debaixo da súa demanda real, xa que moitos nostálxicos querían rememorar os videoxogos de Nintendo dos anos 80 ou, simplemente, coleccionar un obxecto de auténtico culto.
Aínda que dende Nintendo insistían no feito de que a pequena consola non era unha edición limitada, senón que sería posible adquirila con certa normalidade tras a campaña de Nadal, na práctica a cousa non parece distar moito do que algúns temían, xa que a compañía nipoa confirmou o cesamento da produción da Nintendo Classic Mini en EE.UU., Xapón e Europa, ou sexa, que o dispositivo deixa de fabricarse a nivel mundial.
Polo momento non hai información oficial que apunte a se a máquina volverá ao mercado nalgún momento futuro, pero en vista do éxito desta consola de tamaño reducido que integra 30 xogos clásicos que poden rememorarse con só conectar o trebello ao televisor non sería de sorprender que de cara á vindeira campaña de Nadal repetisen a xogada, pero ofrecendo desta volta unha versión en miniatura da Super Nintendo, que probablemente conseguiría unhas vendas moi superiores (tanto polo seu salto técnico como polo precedente que marcou a Nintendo Classic Mini, que levaría a moitos a reservar a súa sucesora a cegas).

PUBLICIDADE