Adiantan as especificacións do novo móbil insignia de Google

xoves, 6 de outubro do 2011 Marcus Fernández

O vindeiro martes vai celebrarse o evento Samsung Unpacked no que o fabricante surcoreano Samsung vai estar acompañado por Google para presentar o móbil coñecido ata o momento como Nexus Prime/Galaxy Nexus, e que sería o primeiro móbil co sistema operativo Android 4.0, e do que xa se filtraron as súas especificacións, que serán as que sirvan de referencia para os vindeiros móbiles con Android como no seu día foi o Nexus One.
Este novo terminal contará cunha impresionante pantalla Super AMOLED curva de 4,65 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles (ou sexa, de alta definición), procesador Texas Instruments OMAP 4460 de dobre núcleo Cortex A9 a 1,2 GHz, 1 Gb de memoria RAM, 32 Gb de almacenamento interno, cámara traseira de 5 Mpíxeles (capaz de gravar vídeo a 1.080p) e frontal de 1,3 Mpíxeles, conectividade LTE ou HSPA (segundo o operador que comercialice o móbil), Wi-Fi N, NFC e batería de 1.750 mAh.
Dende Boy Genius Report tamén aseguran que o novo terminal de Samsung carecerá das modificacións da interface de usuario propias da marca (TouchWiz) para ofrecer unha experiencia Google pura.
Outras fontes sosteñen que o Nexus Prime contaría cun procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, gráfica PowerVR SGX543MP2 (a mesma do iPad 2), cámara de 8 Mpíxeles con gravación de vídeo a 1.080p, LTE e unha batería de 2.050 mAh. De todos os xeitos estamos a falar dun terminal que non ten nada que envexar ao iPhone 4S, e que animará á competencia entre smartphones durante os vindeiros meses.

PUBLICIDADE