Afundación acollerá unha exposición sobre a serie documental de Netflix O noso planeta

xoves, 31 de outubro do 2019 Redacción

Fotografía de Huw Cordey

A Obra Social de ABANCA, en colaboración con Planeta e Netflix presentarán, o vindeiro mércores 6 de novembro na Sede Afundación A Coruña, a nova aposta cultural da entidade galega en primicia mundial: a exposición O noso planeta. Esta mostra, reflexo do compromiso de Afundación coa sustentabilidade e a protección do medio ambiente, está inspirada na recoñecida serie homónima producida por Netflix e que bate todos os récords de audiencia da súa programación, superando calquera serie ou película da súa carteleira.
O propio día da inauguración, ás 19.00 horas, Joaquín Araújo, un referente na divulgación ambiental e símbolo do movemento ecoloxista, ofrecerá unha conferencia na que abordará os retos aos que nos enfrontamos por mor das serias alteracións ás que os seres humanos sometemos o noso planeta.

Fotografía de Oliver Scholey e Hector Skevington-Postles

A proposta de Afundación consiste en presentar unha exposición cuxa visita se concibe como unha actividade experiencial, na cal a interactividade e a realidade virtual son partes fundamentais. Así, a mostra conta nas súas diferentes seccións con elementos interactivos que invitan as persoas visitantes a se familiarizaren dun xeito activo con conceptos como globalidade ou sostibilidade.
No marco desta exposición programáronse diversas actividades complementarias, desde obras de teatro a ciclos de cine ou cursos de cociña, que contribuirán a que a mensaxe da mostra impacte máis alá do propio recinto en que se exhibe.
O noso planeta permanecerá aberta até o vindeiro 8 de febreiro de 2020, de 10:00 a 14:00 horas, para colectivos escolares e grupos previa reserva, no que xa se apuntaron máis de 3.500 escolares, e para público xeral en horario de 14:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e de 11:00 a 21:00 horas, os sábados e festivos. Todos os mércores e venres, non festivos, realizarase un percorrido guiado ás 19:00 horas de balde.

Tráiler da serie de Netflix O noso planeta

PUBLICIDADE