Agasol dá comezo na Coruña a súa campaña de divulgación do software libre para o empresarial

luns, 13 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Brenlla durante a súa intervención no encontro BrOffice 2008

Tal e como sinalamos a semana pasada nesta web, o miolo da colaboración entre a Agasol (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre) e Industria para afianzar a programación aberta no eido empresarial é un miolo de natureza práctica. De feito, só uns días despois de dar a coñecer o pacto, ambas entidades xa están arestora en marcha para informar en detalle -e pola vía dos encontros de tipo empresarial- das vantaxes da programación libre para as empresas galegas. E todo facendo ben fincapé nas vantaxes específicas cara un intre de crise económica coma este que estamos a vivir (programas máis adaptables á realidade de cada compañía, máis accesibles e respaldados por unha comunidade mundial enteira, a de usuarios e deseñadores de software libre).
A primeira toma de contacto será este martes 14 de outubro na Cámara de Comercio da Coruña (rúa Alameda 30, 1º), e nela intervirá Roberto Brenlla, economista especializado nas tecnoloxías da información e fundador de Tegnix, unha das 24 compañías galegas que integran arestora a Agasol.
A sesión, que non irá alén das dúas horas, dará comezo ás 19,30 horas. Nela, informa Agasol, está previsto desenvolver un programa dirixido a que xerentes, responsables de finanzas, estratexia ou tecnoloxías da información amplíen o seu coñecemento sobre que é o software libre, Linux e os estándares abertos. Asemade, incidirase nas súas vantaxes competitivas en canto a aforro de custos ou adaptabilidade. Con este fin, afondarase en casos de éxito en empresas, institucións ou nas administracións.
Os asistentes, que poden inscribirse de maneira gratuíta no teléfono 981 21 60 72, recibirán o DVD Ferramentas informáticas para a PEME elaborado pola Consellería de Innovación e Industria, que inclúe unha ampla escolma de software de uso empresarial libre, gratuíto e legal.

PUBLICIDADE