Age of Conan: Hyborian Adventures superou en vendas ao GTA IV en Alemaña e Suecia

venres, 30 de maio do 2008 Marcus Fernández

Nas últimas semanas estamos afeitos a falar dos estupendos resultados en vendas de GTA IV que sen dúbida será o xogo do ano, pero os resultados de vendas da pasada semana en Alemaña e Suecia nos deron unha sorpresa moi interesante: o xogo para PC Age of Conan: Hyborian Adventures superou a calquera das versión de Grand Theft Auto IV. Estariamos ante un dos poucos casos nos que un título para PC entra nas listaxes dos xogos máis vendidos, e todo apunto a que o título multixogador en liña está a ter o éxito agardado en Europa, pois as aventuras de Conan teñen moitos seguidores, que en moitos casos coinciden con xogadores de World of Warcraft, de aí que este novo produto resulte moi atractivo para eles.
No caso alemán, aparte de Age of Conan, hai que destacar que o Top 10 está invadido por títulos das consolas de Nintendo, mentres que o único xogo de alta definición que se cola é o GTA IV tanto para PS3 como para Xbox 360. En Suecia, en cambio, a listaxe que se presenta resulta sorprendente (e de dubidosa credibilidade) pois o único xogo de Nintendo que aparece e o Mario Kart para Wii, tamén aparecen o GTA IV para PS3 e Xbox 360 e o Haze para PS3, pero o resto de xogos son para PC, cando é de sobra coñecido que os xogos de ordenador están a vivir unha seria crise.
Se miramos o caso español, non se reproduce o anterior, aínda que Age of Conan: Hyborian Adventures está nun digo 4º posto, mentres que GTA IV non é capaz de superar o éxito dos xogos para Wii e queda nos postos 3 e 6 (para PS3 e Xbox 360 respectivamente).
Curiosamente España é un dos países nos que o personaxe de Robert E. Howard ten máis éxito de todo o mundo, contando con moitas edicións dos comics de Conan, polo que os moderados resultados do xogo para PC podería responder á pouca promoción que se fixo do xogo ou polo feito de que os ordenadores xa non teñan forza como plataforma de xogo.

PUBLICIDADE