Age of Empires III volve con forzas renovadas

venres, 16 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Quince anos despois do lanzamento de Age of Empires III, grande xogo de estratexia en tempo real de Ensemble Studios, chega Age of Empires III: Definitive Edition, unha revisión do xogo que xa está ao alcance dos subscritores de Xbox Game Pass para PC e Xbox Game Pass Ultimate, que tamén podemos mercar na tenda de Windows 10 ou a través de Steam a un prezo de 19,99 euros, e ofrece gráficos 4K con soporte ultrapanorámico, un novo backend e emparellamento multixogador LIVE, modelados completamente reconstruídos, audio regravado dos personaxes e unha recreación dende cero das cinemáticas das campañas, ou sexa unha remasterización que permite gozar con dignidade deste clásico en ordenadores modernos.
O xogo tamén recibe melloras na intelixencia artificial, a posibilidade de xogar con dificultade Extrema, melloras na ferramenta de edición, unha nova interface de usuario (permitindo que os xogadores opten pola interface clásica), función de zoom de cámara e unha grande cantidade de novas opcións que modernizan un xogo que non está ancorado no tempo, senón que recibe dúas novas civilizacións (os incas e os suecos) até sumar un total de 14, polo que conta con novidades dabondo para animar a vellos xogadores.

Esta nova edición do xogo adaptouse a pantallas de uttra alta definición e incluso a relacións de aspecto ultrapanorámicas

PUBLICIDADE