Alan Wake estrea episodio descargable para Xbox 360

xoves, 23 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

A semana pasada comentamos o lanzamento da versión para PC de Alan Wake a través de Steam, adaptación do xogo que inicialmente saíra para Xbox 360 que conseguiu amortizarse en só 48 horas, e que esta mesma semana estreou un novo capítulo para a consola de Microsoft, Alan Wake’es American Nightmare, que xa pode adquirirse por 1.200 puntos (14,4 euros), ofrecendo unha aventura máis cativa que o título orixinal, que ben podiamos comparar cun episodio dunha serie de televisión, que de ter boa acollida podería consolidar esta fórmula episódica que tan ben podería encaixar nesta franquía.
Nesta nova aventura Alan Wake loitará contra o servo da escuridade, o malvado Sr. Chirridos, nunha trama totalmente nova na que aparecerán hordas de inimigos, poderán empregarse armas de grande potencia e explorarse fascinantes escenarios de Arizona. O xogo contará cun modo Historia que conservará a esencia da saga (na que a supervivencia é o máis importante) e un modo Arcade no que haberá que dominar a mecánica de combate con luz para sobrevivir e derrotar aos inimigos nos marcadores en liña.

Aínda que a historia de Alan Wake sexa o seu punto forte, ao xogo non lle falta acción

PUBLICIDADE