Alcatel presenta no CES os seus novos móbiles con Android

luns, 7 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

TCL Communication aproveitou a celebración do CES de Las Vegas para presentar a nova xeración de smartphones de Alcatel para o ano 2013, entre os que destaca o delgado Alcatel ONE TOUCH Idol Ultra, que presume de ser o smartphone máis delgado do mundo por ter un grosor de só 6,45 milímetros (superando a marca anterior fixada polo Vivo X1 con 6,55 milímetros de grosor). Este elegante móbil ten unha grande pantalla AMOLED de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, cámara de 8 Mpíxeles (con gravación de vídeo a 1.080p) e sistema operativo Android 4.1.
Na mesma liña tamén chegará o Alcatel ONE TOUCH Idol, que desta volta en vez de apostar polo grosor optaría pola lixeireza (só pesa 110 gramos), mantendo unha pantalla de 4,7 polgadas (que neste caso é IPS), procesador de dobre núcleo e cámaras de 8 e 2 Mpíxeles. Tamén funciona con Android 4,1 e terá un acabado metálico para dotalo de maior elegancia.
Para completar a familia tamén teremos o Alcatel ONE TOUCH Scribe HD, que podería verse como a entrada da compañía nos tabletófonos, cunha pantalla HD de 5 polgadas, procesador MediaTeck MT6589 de catro núcleos, LTE, cámara traseira de 8 Mpíxeles e frontal a 720p e Android 4.1.

Móbiles asumibles baixo a marca ONE TOUCH Pop

Os ONE TOUCH Pop son os novos smartphones económicos de AlcatelNoutra gama de dispositivos, Alcatel tamén vai achegar ao mercado uns terminais máis asumibles que chegan en cores rechamantes e en 3 modelos distintos: Alcatel ONE TOUCH X’Pop, S’Pop e T’Pop. O X’Pop tería unha pantalla de 4,5 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles, procesador de dobre núcleo, 512 Gb de RAM, cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, lector de tarxetas microSD e Android 4.1; o S’Pop sería un discreto terminal con pantalla de 3,5 polgadas cunha resolución de 480 x 320 píxeles, procesador mononucleo a 1 GHz, 512 Mb de RAM, cámaras de 3,2 e 0,3 Mpíxeles, lector de tarxetas microSD e Android 4.1; e o T’Pop tamén chegará cunha pantalla de 3,5 polgadas cunha resolución de 480 x 320 píxeles e procesador a 1 GHz, pero ao contar con só 256 Mb de RAM funciona con Android 2.3. Estes últimos terminais chegarán ao mercado durante este mesmo mes, e é de agardar que teñan uns prezos bastante contidos.

O Alcatel ONE TOUCH Scribe HD atrévese cunha pantalla de 5 polgadas

PUBLICIDADE