Alcatel presenta un reloxo infantil que integra teléfono móbil

martes, 5 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Alcatel Onetouch non se conforma con achegar ao mercado un dos smartwatches de marca coñecida máis económicos para intentar facerse cun anaco da torta deste sector emerxente, senón que quere chegar máis aló e conseguir unha boa posición no sector dos reloxos conectados para cativos co seu novo CareTime, que vén a ser un reloxo de pulso infantil que integra un teléfono con GPS.
Este dispositivo está orientado a pequenos de entre 5 e 9 anos, e pese a ter a forma dun reloxo de pulso ordinario (de cores rechamantes) integra un teléfono móbil 2G que pode recibir chamadas e mensaxes de voz de até 10 números autorizados e chamar até a 5 números rexistrados.
Aparte de servir para comunicar cos pequenos, tamén engade certa seguridade para os seus proxenitores, xa que, a través dunha aplicación para iOS e Android será posible acceder á posición do reloxo grazas a que determina a súa localización combinando datos de GPS, GSM e Wi-Fi. Esta solución incluso permite determinar zonas de seguridade para que os pais reciban unha notificación no caso de que o reloxo se afaste da mesma.
O Alcatel Onetouch CareTime ter certificación IP65, ou sexa, que é resistente ao po e a salpicaduras, e a súa batería pode durar até 4 días. Sairá á venda no mes de abril.

O CareTime ten a aparencia propia dun reloxo infantil, pero conta con funcións avanzadas dispoñibles a través de sinxelos menús

PUBLICIDADE