Alcatraz lanza unha web e unha app de autodiagnóstico para axudar na contención do virus

xoves, 26 de marzo do 2020 S. P.

Continúa o fluxo de solucións e propostas das nosas empresas TIC para botar unha man durante o estado de alarma do COVID-19. Hoxe a empresa galega Alcatraz Solutions, con sede na Coruña, púxonos ao tanto dunha iniciativa de seu para axudar á cidadanía e á administración fronte á pandemia. Trátase dunha web e dunha aplicación de autodiagnóstico que permite avaliar os síntomas dos usuarios, aconsellalos e mantelos informados sobre a situación actual e ante calquera novidade. «Quixemos achegar ferramentas sen ánimo de lucro que contribuísen á contención do virus», explican dende Alcatraz.
«Ante unha situación onde reina a confusión, desde Alcatraz queremos achegar o noso gran de area pondo a disposición das administracións unha solución que lles permita manter informados e dar resposta ás dúbidas da cidadanía, así como desconxestionar os teléfonos de asistencia sanitaria», explica Leopoldo Mallo, director xeral de Alcatraz Solutions, poñendo o foco nunha das grandes vantaxes da ferramenta móbil: asesorar aos usuarios que poidan presentar algún síntoma específico do virus a través dun sinxelo test onde recibirán instrucións e consellos, seguindo as pautas establecidas polas autoridades sanitarias, sobre que debe facer en función da información fornecida.
A aplicación, explican dende Alcatraz, non só funcionará como unha ferramenta de autodiagnóstico, senón que tamén nos manterá informados sobre a situación do coronavirus achegando consellos sobre a pandemia e dispondo dun mapa directorio dos centros de saúde máis próximos.
A aplicación móbil está dispoñible en diferentes idiomas (español, catalán, éuscaro, galego e inglés) para a súa descarga en dispositivos Android e, en datas vindeiras, tamén para iOS na App Store e para Android na tenda de Google Play.

PUBLICIDADE