Alén Space e os grupos Photonics4life e EQ10, Premios á Transferencia de Tecnoloxía
mércores, 11 de decembro do 2019
O de
hoxe foi un día para enxalzar a innovación galega e a capacidade da
nosa comunidade investigadora para trasladar ao tecido produtivo os
seus importantes achados. De descubrimentos e salientábeis
contribucións científicas e tecnolóxicas trataron precisamente os
quintos Premios
á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que entregaron este
mércores 11 de decembro a Real
Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Axencia
Galega de Innovación (GAIN).
O
presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan M. Lema
Rodicio, reivindicou no transcurso da gala, celebrada en Santiago, a
figura dos grandes precursores da transferencia de tecnoloxía en
Galicia como “referentes necesarios para os investigadores e
emprendedores”. Durante o acto, Lema destacou a contribución das
figuras de Ricardo Bescansa, Francisco Guitián e Fernando Calvet
(que lles dan nome ás tres categorías dos galardóns) á posta en
valor do coñecemento científico no mercado.
Os
premios, que este ano alcanzaron a súa quinta edición, recoñecen
as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente
dos organismos de investigación ao tecido produtivo, cunha dotación
de 6.000 euros netos en cada unha das súas categorías. O certame
está promovido pola RAGC, coa colaboración da Axencia Galega de
Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.
A
directora da GAIN, Patricia Argerey, subliñou que “a transferencia
de coñecemento e a comunicación da ciencia son dúas pezas clave no
impacto social da ciencia e da tecnoloxía”, xa que fan avanzar o
benestar social e a sustentabilidade do planeta.
Participaron
tamén na entrega dos galardóns o reitor da Universidade de Santiago
de Compostela (USC), Antonio López; o reitor da Universidade da
Coruña (UDC), Julio Abalde; e a vicerreitora de Transferencia da
Universidade de Vigo (Uvigo), Mª Consuelo Pérez.
Durante
a cerimonia foi entregado tamén o Premio Galicia de Xornalismo
Científico, dotado con 4.000 euros netos. Silvia Rodríguez
Pontevedra, redactora do diario El País, foi galardoada como autora
da reportaxe titulada Las congeladoras toman el timón en la
carrera científica por la cría del pulpo, publicada o 8 de
xaneiro de 2019 na sección Materia e na que se na que se dá
conta dos enormes avances e do desembarco de grandes empresas
conxeladoras nos dous proxectos levados a cabo polo CSIC e o IEO para
avanzar na acuicultura do polbo.
O
Premio Ricardo Bescansa Martínez recoñeceu o mellor caso de éxito
empresarial de transferencia de tecnoloxía. Foi dar a Guillermo
Lamelas, director executivo (CEO) da firma da UVigo Alén Space,
adicada á fabricación de nanosatélites que permiten acceder a
datos e comunicacións que ata hai pouco só estaban ao alcance de
gobernos e grandes axencias espaciais. Lamelas sinalou que “os
nanosatélites cambian as regras do xogo, permitindo que as empresas
poidan contar cos seus propios satélites grazas a un custo ata cen
veces menor cós convencionais”. Neste sentido, destacou que os
fabricados e lanzados por Alén Space teñen un nivel de éxito nas
súas misións do 100%.
Pola
súa banda, o Premio Francisco Guitián Ojea, que destaca a mellor
tecnoloxía aínda non transferida pero susceptíbel de ser aplicada
ao sector empresarial, recaeu en María Teresa Flores, investigadora
principal do grupo Photonics4life da USC, polo seu proxecto para
fabricar modelos 3D capaces de reproducir sistemas biolóxicos sobre
os que estudar patoloxías ou testar fármacos de xeito máis fiábel.
Segundo explicou Flores, “o proxecto respondeu á demanda por parte
do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela
(IDIS) de contar con arterias e veas artificiais nas que simular o
comportamento de fármacos para a arteriosclerose”. Logo de dez
anos de traballo, conseguiron fabricar unha estrutura de arterias que
é quen de soportar fluxo sanguíneo e nas que se poden facer
cultivos celulares.
Amais,
o Premio Fernando Calvet Prats, que distingue o mellor traballo de
tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial, foi para
Ana Belén Moldes, do grupo EQ10 da UVigo, polo achado da presenza de
biosurfactantes, unha clase de deterxente biolóxico, nos residuos da
industria do millo. Moldes destacou que “os biosurfactantes son un
mercado en expansión, coa expectativa de acadar un valor de 5.500
millóns de dólares a nivel mundial durante os próximos dous anos.”