Altofalante portátil sen fíos exclusivo para os Lumia de Nokia

xoves, 30 de agosto do 2012 Raquel Noya

Froito dun convenio de colaboración que Nokia asinou co provedor mundial de sistemas de audio Harman para desenvolver dispositivos específicos para os seus smartphones Lumia, vén de presentarse na feira de electrónica de consumo IFA de Berlín, o altofalante portátil sen fíos JBL PlayUp, exclusivo, segundo afirman, “para os amantes da música que saben valorar unha excelente calidade de audio e cun son cristalino”.
Alén de excesivas loanzas, o certo é que a calidade do dispositivo vén avalada por incorporar unha saída deseñada especialmente para os sons graves, que actúa como altofalante de baixas frecuencias, garantindo un bo son dos graves cunha mínima turbulencia do aire audible.
O JBL Play Up ten unha potencia máxima de 89 dB, polo que resulta axeitado para o seu uso en exteriores ou en calquera recinto de interior.
O dispositivo, que está dispoñible en azul, branco ou negro, conéctase por Bluetooth a calquera smartphone Lumia, e leva a maiores unha entrada de audio estándar para auriculares de 3,5 mm que permite acoplalo a calquera móbil, ordenador ou reprodutor MP3.
Este altofalante portátil conta con capacidade para máis de 10 horas de música continua cunha sola recarga e incorpora unha batería removible oculta na súa base.
O trebello comezará a distribuírse antes de finais de ano a un prezo inicial de 149 euros.

PUBLICIDADE