Amazfit estrea un smartwatch retro

xoves, 27 de agosto do 2020 Marcus Fernández

As pulseiras de actividade e os reloxos da marca Amazfit gozan dunha grande popularidade pola súa boa relación prestacións-prezo e pola súa grande autonomía, e para achegar este tipo de dispositivos a un público maior chega o Amazfit Neo, un reloxo que pode conectarse ao noso smartphone por Bluetooth (para a recepción de notificacións de mensaxes e chamadas), que rexistra o ritmo cardíaco, monitoriza o sono, pode somerxerse até 50 metros e ten unha autonomía de até 28 días, que probablemente gañe o corazón do público por adoptar un deseño claramente inspirado nos reloxos Casio que tan célebres se fixeron nos anos 80.
Podemos dicir que o Amazfit Neo sería algo así como un smartwatch retro, que presenta unha pantalla de 1,2 polgadas en branco e negro (peza chave no seu deseño e para a súa elevada autonomía) que está acendida todo o tempo (como as pantallas dos clásicos reloxos de Casio), e aínda que parece bastante probable que este produto vaia ter distribución internacional, polo momento só está dispoñible a través de AliExpress a un prezo de 43,28 euros (co código promocional AMAZFITNEO quedaría en 36,35 euros).

O Amazfit Neo véndese en 3 cores distintas

PUBLICIDADE