Amazon Prime Video estrea aplicación para Windows 10

venres, 3 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Aínda que as plataformas de vídeo baixo demanda funcionan con grande solvencia a través de navegadores web en equipos informáticos, a posibilidade de contar cunha aplicación nativa ten certas vantaxes, de aí que Amazon decidise estrea aplicación de Prime Video para Windows 10, que podemos descargar de balde e que facilitan o acceso aos contidos audiovisuais de Amazon de sermos subscritores Prime.
A nova aplicación non só permite ver as series e películas da plataforma, senón que tamén ofrece a posibilidade de descargalos para velos sen conexión noutro momento (algo moi práctico para viaxes, ou para usuarios cunha conexión pouco estable, que dese xeito teñen un método para descargar con calma os contidos para logo velos sen cortes). Aínda que hai medios que apuntan a que os vídeos teñen limitada a súa resolución a 720p non tivemos problemas en reproducir contidos a 1080p.
A aplicación tamén facilita o acceso á nova tenda dixital que permite o aluguer e a compra de películas non incluídas en Prime Video, e tamén conta coa funcionalidade X-Ray, que achega información sobre os actores, as cancións e outras curiosidades sobre os vídeos que se estean a reproducir.

Unha das grandes vantaxes de contar cunha aplicación de escritorio é que podemos descargar contidos para a súa reprodución fóra de liña

PUBLICIDADE