Amazon anuncia o inminente comezo do proceso de selección de persoal para o seu centro do Porriño
martes, 10 de setembro do 2019
Xa o
anunciamos a finais de xullo: Amazon,
o xigante do comercio electrónico, vai abrir no Porriño un centro
loxístico de seu, unha instalacións de 4.000 metros cadrados
que xerará máis de 30 postos de traballo e impulsará a actividade
das empresas de reparto independente da contorna (a área de Vigo e
os seus arredores). Pois ben, este mes de setembro foron dadas a
coñecer máis detalles sobre o proxecto. Foi
na xuntanza mantida pola alcaldesa do Porriño, Eva García, o
concelleiro de Emprego, David Alonso, e a representante de Amazon
Logistics, Eva Pérez. Entre outras cousas fíxose saber a firma
Manpower encargarase da selección de persoal, un proceso que
comezará en breve.
Tamén
se explicou que a cifra de traballadoras e traballadores é probábel
que suba até 40, na central loxística, un número que se verá
incrementado en datas punta como por exemplo a celebración do Black
Friday, a campaña de Nadal ou as rebaixas de inverno.
A
alcaldesa fixo saber que a selección publicarase en datas vindeiras
a través dos medios de comunicación indicando unha ligazón onde as
interesadas e interesados deberán dirixirse para remitir o seu
currículo. Amazon, neste senso, anunciou que o proceso será
“transparente” e estará “baseado na valoración das
capacidades e méritos de cada aspirante”.
O
Concello de Porriño prestará as instalacións de Porremprego no
Multiusos de Torneiros para a realización das entrevistas de
traballo aos aspirantes cando Manpower arranque coas enquisas.
Segundo
engadiu a rexedora, “isto vai ser o principio dunha colaboración
moi exitosa entre Amazon e Porriño, de tal xeito que un proxecto
aínda máis grande do que vai comenzar sería factible e con moita
xente do concello e arredores cualificada e con ganas de traballar”.
Na
reunión tratáronse tamén aspectos referidos a marcha das obras de
reforma das instalacións que Amazon mercou e reformou. Tratase da
antiga nave da firma Arcelor, no Polígono de Prado-Budiño.
Na
xuntanza explicouse que se está a reformar unha nave preexistente de
1.927 metros cadrados construídos dentro dunha superficie total de
4.661 metros cadrados que ten o solar. A previsión é que a empresa
de Internet poida abrir esta nova central loxística para o noroeste
da península a finais de setembro ou principios de outubro.