Amazon comeza a súa actividade no Porriño

venres, 18 de outubro do 2019 Redacción

O centro loxístico de Amazon no concello pontevedrés nunha imaxe da CRTVG

Esta semana comezou finalmente a súa actividade o centro loxístico de Amazon, o xigante do comercio electrónico, no Porriño, unha instalacións de 4.000 metros cadrados que fai arrincar a súa andaina con 30 traballadores seleccionados na recta final do verán pola empresa de recursos humanos Manpower (cifra de postos de traballo que ser verá incrementada en datas punta como por exemplo a celebración do Black Friday, a campaña de Nadal ou as rebaixas de inverno). Este xoves foi asinada a licenza de nova ocupación e o centro abriu as súas portas no seu emprazamento de Prado-budiño.
En palabras de John Tagawa, vicepresidente de Amazon Logistics en Europa, “é unha gran emoción a apertura da estación loxística no Porriño, onde xuntaremos o mellor de máis de dúas décadas de experiencia operativa, avances tecnolóxicos, investimento e capacidade de reparto”. A alcaldesa, pola súa banda, sinalou que “é unha gran satisfacción que unha empresa tan representativa no eido internacional tivera elixido o noso concello para establecerse, con todo o que isto significa para a creación de emprego e negocio”. Na súa opinión, este feito confirma a relevancia do concello pontevedrés en materia económica e industrial.
O centro loxístico está instalado na antiga nave de Arcelor, que ten unha superficie de 1.927 metros cadrados construídos dentro dunha superficie total de 4.661 metros cadrados que ten o solar.

PUBLICIDADE