Amazon estrea na India un altofalante conectado portátil

mércores, 4 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Actualmente Amazon vende en España numerosos altofalantes conectados da familia Echo, que van dende o pequeno Echo Flex até o potente Echo Studio, pero que teñen todos un elemento común: precisan dunha toma de corrente para funcionar. En vista da demanda de altofalantes portátiles, dende Amazon entenderon que tiñan que adaptarse, e veñen de presentar na India o Echo Input Portable Smart Speaker Edition, que sairá á venda o 18 de decembro a un prezo provisorio de 4.999 rupias (63 euros) e que vén a ser unha especie de Echo Dot con batería recargable incorporada.
Este pequeno altofalante de 102 milímetros de diámetro e 72 milímetros de alto, pesa 448 gramos, integra unha batería de 4.800 mAh que achégalle unha autonomía de até 11 horas de reprodución musical, e que soporta até Wi-Fi AC para comunicarse coa Rede (podendo tamén aproveitarse como altofalante Bluetooth). Este produto enténdese como un altofalante para o fogar, pero que pode levarse dun lugar a outro, para conseguir unha reprodución musical continua ou, simplemente, para poder gozar das súas funcionalidades en estancias para as que non compensa adquirir un altofalante fixo ou non hai tomas de corrente libres ou facilmente accesibles.
Confíase en que este produto chegue a outros mercados no futuro, xa que atende a unha clara demanda do público.

JPEG - 125.1 KB
Ao contar con batería integrada o altofalante pode colocarse en lugares onde sería complicado achegar unha toma de corrente

PUBLICIDADE