Amazon estrea unha versión de Prime para estudantes

martes, 17 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Amazon aposta cada vez mais por fidelizar aos seus clientes a través do programa de subscrición Prime, e para abrirse a máis público presenta agora a modalidade Prime Student, creada exclusivamente para os estudantes de centros universitarios españois, que poderán gozar de Amazon Prime por 18 euros/ano (a metade do prezo da subscrición ordinaria) e cun período de proba de 90 días. Amais, o programa Prime Student incluirá unha serie de ofertas exclusivas, como un 20% de desconto en produtos de uso diario para a universidade da marca AmazonBasics, e un 10% de desconto adicional en prendas de Amazon Moda ou incluso un 10% de desconto en tabletas Microsoft Surface.
Prime Student non só inclúe envíos de balde en numerosos produtos, senón que tamén inclúe películas e series en Prime Video, acceso a máis de 2 millóns de cancións en Prime Music, acceso prioritario ás ofertas flash, lectura ilimitada de centos de libros electrónicos en Prime Reading, acceso a Twitch Prime e almacenamento ilimitado de fotografías en Amazon Photos.

Amazon Music HD

Pero no né a única novidade de Amazon na xornada de hoxe, senón que tamén está a lanzar nos EE.UU. o servizo de reprodución musical Amazon Music HD, con máis de 50 millóns de cancións el alta definición e millóns de cancións en ultra alta definición, que custa 12,99 dólares/mes para subscritores de Prime (14,99 dólares/mes para o resto de usuarios), e que polo momento limítase a EE.UU., Reino Unido, Alemaña e Xapón.
Con este servizo Amazon quere diferenciarse de Amazon Music e Spotify, ofrecendo son cunha maior calidade, xa que as cancións en HD ofrécense en calidade CD (16 bits a 44,1 kHz), mentres que as UHD chegarían incluso a máis calidade (24 bits a 192 kHz).
Poucos serán os que aprecien o son a eses niveis de calidade, pero para os usuarios máis esixentes temos así un novo servizo musical que quedaría cun único competidor, TIDAL, que ofrece a posibilidade de gozar de cancións en calidade CD e outras en calidade superior (24 bits a 96 kHz).

PUBLICIDADE