Amazon presenta un Echo Show compacto

mércores, 29 de maio do 2019 Marcus Fernández

En febreiro chegou ao mercado español o altofalante con pantalla de 10 polgadas Echo Show, que para moitos era a opción máis completa de incluír o asistente de voz Alexa no fogar, sendo o seu principal atranco para a súa adopción un prezo de 229,99 euros, detalle que muda radicalmente co novo produto da familia Echo, o Echo Show 5, que vén a ser unha versión máis compacta e económica do anterior produto.
O Echo Show 5 ten unha pantalla de 5,5 polgadas, son de calidade, cámara de alta definición (que integra un mecanismo para tapala) e, por suposto, o asistente de voz Alexa, de xeito que temos un bo produto para escoitar música de servizos de streaming como Spotify ou Amazon Music, así como para poder gozar de videoclips de Vevo ou de servizos informativos en vídeo de RTVE ou Xataka (entre outros); todo por un prezo de 89,99 euros, o que non só sería moito máis barato que os 229,99 euros do Echo Show, senón que incluso sería bastante máis barato altofalante Echo Spot (que destacaba pola súa pantalla circular de 2,5 polgadas).
A sensación que temos co Echo Show 5 é que temos un smartphone sobre a mesa, cun altofalante máis potente e control por voz, o que resulta práctico para controlar a reprodución musical, pero tamén para manexar a electrónica doméstica conectada e, moi especialmente, para poder acceder ao vídeo de cámaras de vixilancia e mesmo a funcións de videoconferencia. Para quen queira gozar da videoconferencia probablemente compénselle adquirir xunto co Echo Show 5 un soporte regulable que custa 19,99 euros e que permite inclinar o dispositivo para mellorar o seu ángulo de visión.
Este novo produto chegará oficialmente ao mercado o vindeiro 26 de xuño.

O Echo Show 5 pode ser un produto axeitado para levar aos asistentes de voz a lugares como dormitorios, facilitando así a programación por voz de alarmas, a consulta de información ou incluso o control domótico dun xeito práctico e bastante natural que, ao incluír unha pantalla achega información máis completa do que faría un altofalante Echo

PUBLICIDADE