Amazon quere competir con Temu

xoves, 14 de novembro do 2024 Marcus Fernández

A presión de compañías como AliExpress, Shein ou Temu levou a Amazon a mover ficha nos EE.UU. e iniciar en probas Amazon Haul, unha selección de máis de 300 millóns de artigos en máis de 35 categorías con prezos de até 20 dólares, contando coas garantías propias da compañía de Jeff Bezos, pero con prazos de entrega algo laxos (entre 1 e 2 semanas de media).
Amazon Haul busca atender a demanda de produtos de baixo custo, con gastos de envío de balde ao superar os 25 dólares nun pedido (en caso contrario os gastos de envío serían de 3,99 dólares), e con descontos do 5% ao superar os 50 dólares de compra e 10% de desconto ao superar os 75 dólares nun pedido.
Cómpre salientar que para acceder ao catálogo de Amazon Haul hai que empregar a aplicación móbil ou a versión móbil da páxina web; e ofrecen devolucións de balde en todas as compras cun prezo superior aos 3 dólares dentro dos 15 días posteriores á súa entrega, con máis de 8 mil puntos de devolución nos EE.UU.
Se esta nova tenda de Amazon ten éxito nos EE.UU. de seguro que a veremos replicada nos países europeos nos que Amazon está presente actualmente, e nos que as plataformas de comercio electrónico chinesas gozan de grande sona.