Amazon recupera o Kindle DX

xoves, 6 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Dende Amazon parecían ter dado por perdido o seu lector de libros electrónicos con pantalla de 9,7 polgadas, que con dispositivos como o iPad no mercado (co que compartía tamaño de pantalla) tíñao moi difícil, pero agora este dispositivo de 2010 rexorde, e volve a estar dispoñible para a súa compra en liña por 299 dólares (aínda que a súa compra dende España non é recomendable, pois ao seu prezo habería que engadir unha fianza de 96,58 euros para posibles cargos arancelarios).
O Kindle DX conta cunha pantalla de tinta electrónica de 9,7 polgadas cunha resolución de 1.200 x 824 píxeles, ten 4 Gb de almacenamento interno, ten conectividade móbil internacional (3G/EDGE/GPRS) e Wi-Fi, a súa batería achégalle unha autonomía de ata unha semana con datos activados e ata 3 semanas con eles apagados e, aparte de documentos en formatos HTML, DOC, TXT, PRC ou AZW é capaz de ler ficheiros PDF dun xeito bastante máis cómodo que en lectores con pantallas de 6 polgadas.
Resulta curioso que volva á venda un produto que desaparecera en outubro de 2012, pero este retorno podería significar unha actualización do dispositivo na liña das melloras que experimentou o Kindle orixinal.

PUBLICIDADE